Xa achegándose á recta final do precorrido do Grupo de Estudos Transición Ecosocial e Desexo, acollerá o próximo 2 de Maio ás 19.00 na sede da Fundación Luis Seoane en Coruña a sesión “O territorio en disputa” sostido por Belén Rodríguez da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Miriam Miranda, membro da Organización Fraternal Negra Hondureña (OFRANEH).
As falantes, ambas activistas defensoras do territorio, presentarán as realidades e ameazas que viven nos territorios onde actúan así como os sistemas de organización colectiva que emerxen ante a necesidade de loitar contra o acaparamento de terra, os seus retos e oportunidades de cara a crear un modelo de futuro que integre diversos intereses e persoas.
ADEGA é unha asociación ecoloxista democrática, independente e sen ánimo de lucro que traballa en defensa do medio ambiente galego e global do que depende a nosa calidade de vida.
A Organización Fraternal Negra Hondureña (OFRANEH) é unha organización de base, representativa do pobo garífuna e en permanente loita polos seus dereitos colectivos sociais, económicos, culturais e territoriais e pola súa autonomía. Traballan para erradicar a inxustiza histórica e a perda do patrimonio do seu pobo, e recuperar e fortalecer a identidade e espiritualidade cultural ancestral. Defenden e loitan por protexer os recursos naturais básicos para a supervivencia da humanidade, porque, segundo din, “cremos na diversidade e na responsabilidade co noso planeta”.
O Grupo de Estudos leva dende Outubro de 2023 desenvolvendo sesións de indagación sobre modos de subxectivación política que se están creando para non poñer en xogo o futuro, experiencias ecosociais relevantes para ser replicadas, ou cales poden ser as pancas para saltar do desexo individual á movilización colectiva. En definitiva, preténdese xerar colectivamente novos relatos que vaian máis aló do desastre
Máis info sobre o Grupo de Estudos: https://transicionecosocial.tumblr.com