Continúa o Grupo de Estudos Transición Ecosocial e Desexo na Fundación Luis Seoane, nesta ocasión da man da poeta Alba Cid. O encontro terá lugar unha vez máis na sede da institución coruñesa, o 5 de xuño ás 19h. A través desta conversa preguntarémonos que movementos pode explicitar un libro con respecto aos materiais, aos territorios e aos tempos que escolle trenzar; como operan os procesos de sedimentación; como calquera creación natural ou cultural asenta xa nun proceso de polinización cruzada.
A sesión aberta ao público é un chanzo máis nese debullar saberes, ideas e inquedanzas sobre a relación entre transición ecosocial e desexo, ou de como o desexo pode servir de panca para pensar alternativas ao ecocidio. Alba Cid é pooeta e filóloga, con Atlas (Galaxia, 2019), o seu primeiro poemario, foi galardoada co Premio Nacional de Literatura de Poesía Nova Miguel Hernández que outorga o Ministerio de Cultura. Atende a etimoloxías, historias naturais e e prácticas culturais diversas. Fai parte de proxectos ligados ao patrimonio inmaterial coma o colectivo Rupestre Sonoro.
O Grupo de Estudos Transición Ecosocial e Desexo é un espazo experimental de produción de coñecemento que se realiza coa colaboración da Fundación Entretantos e a Fundación Luis Seoane e que leva desenvolvéndose ao longo do 2022 e 2024. Rematará cunha gran acción final que, a modo de perfomance colectiva, permita seguir fertilizando as aprendizaxes colectivas ao redor de como pensar outros futuros posibles.