Na Fundación Entretantos levamos anos traballando para defender o territorio, apoiar a gandería extensiva, a agroecoloxía, os espazos comunais… Traballamos coa xente e pola xente. Se queres saber máis sobre a fundación podes navegar xusto aquí pola nosa web.
Un dos nosos proxectos sen ánimo de lucro é a escolaboratorio, un encontro que cada ano se celebra nun lugar diferente e que tamén se contempla como Seminario Permanente do CENEAM (Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico) e está a recibir axudas en 2023 e 2024 do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Podes consultar algúns dos produtos e procesos que vivimos outros anos na escolaboratorio aquí, aquí, aquí ou aquí, por exemplo.
Este ano convidáronnos a vir á Comarca da Ulloa. Decidimos facer unha película, aproveitando que estamos nun ano moi importante para esa terra. Non é unha película como as outras, claro. A idea é facer algo colectivo, no que poida participar toda a xente do territorio que queira.
Non sabemos moi ben que vai saír disto nin como vai resultar, pero estamos entusiasmados coa idea.
E isto é o que vos pedimos para poder comezar:
Os días chuviosos e grises. Os días solleiros. Os prados, as montañas. A hora do almorzo. Os recunchos favoritos do fogar. A horta. A rutina. O inesperado. As xuntanzas, os sorrisos, os rostros. As palabras. A escola, o patio. O camiño a casa. O sol asomando entre as nubes. A avoa mirando divertida á cámara. As cancións, os bailes, os bares, as foliadas. A defensa do noso territorio tamén, claro. Os debates, as conviccións. O que queremos protexer, o que nos importa. Os nosos soños.
Queremos gravar o Ulla, facer unha película, recoñecernos na pantalla, mostrar o que somos a quen queira velo. As nosas paisaxes e a nosa xente. O noso día a día.
E para iso necesitámoste. Non precisas moito máis que o teu teléfono móbil. Podes gravar o que queiras: a túa vila / aldea ou a túa contorna, a ti ou a túa xente, a viva voz ou en silencio…
Podes enviarnos o que graves, xunto coa palabra que cres que mellor define o vídeo, por WhatsApp ao número 645 129 081 ou por correo electrónico a este enderezo: plataformaulloaviva@gmail.com
Faino antes do 20 de maio!
Nota importante: El proyecto no persigue ánimo de lucro alguno. El producto audiovisual que finalmente se edite y difunda como resultado del proceso estará sujeto a la licencia de Creative Commons ‘CC BY-NC-ND 4.0 DEED / Atribución-NoComercial-SinDerivadas 4.0 Internacional’, cuyas especificaciones se pueden consultar en este enlace. Todas las personas que contribuyan con sus videos y materiales audiovisuales al proyecto aceptan su difusión bajo estas premisas.